Novo artigo en ELG sobre actitudes lingüísticas

Data: 
Miércoles, Noviembre 27, 2024 - 18:00
Imaxe: 

Ana María Iglesias Álvarez, da Universidade de Vigo, Pedro Álvarez Mosquera, da Universidad de Salamanca e da University of South Africa, e Alejandro Marín Gutiérrez, da Universidad del Atlántico Medio, asinan o artigo "Explorando actitudes lingüísticas implícitas e explícitas: o caso galego", publicado no n.º 16 da revista en liña Estudos de Lingüística Galega.

Resumo
Na investigación que presentamos neste artigo utilizamos por primeira vez en Galicia como instrumento de medición un Test de Actitudes Implícitas (TAI), aplicado a dúas variedades lingüísticas: o galego tradicional e o español de Galicia. Co fin de contrastar en que medida as actitudes implícitas coinciden co nivel explícito, acudimos á triangulación metodolóxica e, nunha segunda fase, levamos a cabo catro entrevistas semidirixidas e un grupo de discusión, con seis participantes, escollidos en función do nesgo obtido no TAI. Os resultados indican que as actitudes implícitas son menos homoxéneas que as explícitas e que, en consecuencia, as linguas en Galicia continúan a presentar un claro valor indexical. Ademais, as variables que correlacionan significativamente co nesgo do TAI son case todas de tipo lingüístico, destacando a lingua familiar e a lingua usada en diferentes contextos da vida cotiá. Isto permítenos confirmar a relación existente entre as actitudes cara ás linguas e o uso lingüístico. No nivel explícito, o discurso revélase bastante homoxéneo, favorable en xeral ao galego, pero pouco elaborado. Porén, si detectamos o mantemento de certos prexuízos entre os castelanfalantes, prexuízos que os galegofalantes non son quen de desmontar, situándose no mesmo marco que aqueles establecen.